
ALEJANDRO CASTRO
Alejandro Castro, máis coñecido como Anacoreta Norteño, o alcume que emprega na rede social Instagram, é un panadeiro nado no concello de Somozas (A Coruña). Ao redor do ano 2017, aproximadamente, Alejandro artellou un novo estilo de vida ao redor do consumo de plantas silvestres e, en especial, de landras. Este modo de vida, alternativo e peculiar, responde á convicción de colaborar no mantemento dun planeta sostible, coidando e respectando o medio ambiente, así como de abandonar o consumismo e o capitalismo propios da sociedade do século XXI. A orixe desta inquedanza pola recuperación das landras na cociña comezou tras asistir a unha das edicións da Festa do Millo Corvo en Bueu. Nela, Alejandro coñeceu a César Lema, biólogo e autor do Manual de cocina bellotera para la era post-petrolera, quen espertou o seu interese polo consumo de plantas silvestres, como el mesmo nos conta:
O pan de landra ten un sabor impresionante Gústanme os sabores potentes. Deixa un regusto na boca que non atopo noutro produto"
Aínda que durante un tempo non valorou seriamente esta alternativa, tras asistir á primeira edición da Festa de Exaltación da Landra, en Chandebrito, comezou a plantexarse unha transformación no seu estilo de vida. Para acudir a ela, cociñou o seu primeiro prato con este alimento, que foi pasta de landras, e de aí en adiante, continou investigando sobre as posibilidades deste froito, mesturando ingredientes e creando novas receitas:
Á dereita: empanadillas de masa de landra. Foto de Alejandro


Calquera receita que poida ser elaborada con fariña de trigo pode cociñarse con fariña de landra. Unicamente hai que substituír a parte proporcional dun tipo de fariña pola outra, probando ata atopar a combinación idónea, que dote aos pratos do sabor característico da landra, pero sen que predomine o amargor que caracteriza a este alimento.
Precisamente, en referencia ao sabor da landra, cómpre destacar que non é un alimento que sexa recomendable consumir sen procesalo, de xeito previo, para eliminar o seu exceso de taninos. Os taninos son un compoñente da landra, responsable do seu característico sabor amargo, que pode producir malestar no estómago, no caso de ser consumido en grandes cantidades. Durante estes anos, Alejandro cociñou numerosos pratos con landras (café, churros, pasta, biscoitos, orellas, pizza, pan de molde, polvoróns, etc.) Porén, facendo honor a súa profesión, afirma que o pan é o seu alimento predilecto.
En canto á recolección da landra, é un proceso que Alejandro realiza el mesmo de xeito anual. Tras plantar un carballo, sen inxertos, tarda ao redor de dez ou quince anos en dar froito; porén, con inxertos, tarda únicamente cinco. A principal vantaxe das landras é a despreocupación por cultivar o alimento, ao contrario que co trigo, por exemplo, e que ningún animal vai vir a substraer as colleitas.
Por agora, a recolección de landras en Galicia resulta un proceso doado, posto que son de fácil acceso. Aínda así, non é posible atopalas en todas as zonas. A presenza de carballos reduciuse considerablemente con respecto ás décadas anteriores, nas que foron substituídos por outras árbores como, por exemplo, os eucaliptos:


Á hora de apañar as landras, Alejandro apunta que é importante probalas, principalmente para apartar aquelas que se atopen en mal estado e saber cales son as que maior concentración de taninos teñen. A tarefa da recolección realízaa el só, quen recolle as landras a man unha a unha, mentres aproveita para pensar e reflexionar.
Neste sentido, Alejandro, do mesmo xeito que recolle el mesmo as landras, tamén leva a cabo o seu procesado. O procedemento para eliminar os taninos da fariña de landra ten unha duración aproximada dun día e medio. Así o explica el mesmo:
Á esquerda: diferentes fases do proceso de eliminación de taninos. Foto de Alejandro.
Na actualidade, Alejandro plasma a súa concepción de vida, principalmente, a través da súa conta de Instagram. Aínda que, de primeiras, amosábase reticente ao uso das redes sociais, agora convertéronse na canle de transmisión do seu estilo de vida. Grazas a elas, pode axudar ás persoas a coñecer máis a natureza, así como facerlles ver que a landra únicamente é un alimento máis na dieta humana.
Porén, os estigmas asociados ao consumo da landra na antigüidade aínda continúan vixentes. Os prexuízos relacionados con elas abarcan desde a súa concepción como un alimento para a xente pobre, ata como parte da dieta dos animais, especialmente dos porcos.
Como quitarlle a cáscara ás landras.
Vídeo de Alejandro.